jueves, 12 de mayo de 2016

Que é para min Galicia?

Levo varios días dándolle voltas á mesma pregunta e aínda non sei como expresar con palabras o que é para min Galiza. 

Galiza é o lugar onde nacín, no que vivo, e no que intentarei seguir a vivir , aínda que cada vez mo poñan máis difícil. 

Gústame o que vexo na Galiza: as súas paisaxes impresionantes: mar, montaña, ríos, natureza en estado puro. O noso verde non o atopamos en ningún outro sitio.

Gustáme a gastronomía galega: os pescados máis frescos, o marisco máis exquisito, a mellor carne é a da terneira galega. En ningún sitio se come un caldo ou un cocido tan saboroso como en Galiza. E non nolo ten que preparar ningún cociñeiro con infinitas estrelas Michelin, nin temos que pagar en restaurantes de luxo para saborear estes pratos. En calquera casa hai alguén que prepara estes pratos coas receitas que foron pasando de xeración en xeración. E xa mellor non falo do nosos  postres típicos.

Gústame o galego, gústame que teñamos un idioma propio, diferenciado do resto. Un idioma fermoso con palabras máis fermosas aínda: morriña, bolboreta, arco de vella, agarimo, orballo, toxo, agasallo, riquiño, praia...Un idioma polo que se loitou durante anos. Un idioma que quixeron facer desaparecer, pero non o conseguiron, e hoxe en día segue máis vivo que nunca.

Gústame ter un Día das Letras Galegas para homenaxear aos nosos escritores porque grazas a eles o galego chega moi lonxe.

Gústanme as festas tradicionais galegas, o entroido, o samaín. Festas que só un galego pode entender porque parten das nosas tradicións.

Gústame a arquitectura galega, con edificios tan nosos como os hórreos ou os pazos.

Gústanme moitas cousas máis, todas elas forman a miña identidade, que se vai formando a través delas, a través de todas as vivencias que experimento aquí, na Galiza. Polo tanto, isto é Galiza para mín. É quen me vai axudando a ser como son.




domingo, 8 de mayo de 2016

Maio, mes das Letras Galegas



Xa que estamos no mes de maio, mes das letras en Galiza, paréceme axeitado dedicarlle unha entrada a Manuel María, o escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

A miña entrada non vai ser unha biografía do escritor, hai infinidade de páxinas onde se pode consultar. Tampouco  irei enumerando as súas obras, sería imposible, porque son moitas.
Simplemente falarei da miña experiencia porque a pasada fin de semana visitei a Casa museo de Manuel María en Outeiro de Rei. Eu apenas coñecía a este escritor, non sabía moito da súa obra. Pero con Fran Rei, o rapaz que nos foi guiando pola casa aprendín moito.

A casa Museo de Manuel María, a Casa de Hortas, é unha casa típica da zona, que foi restaurada para acoller todo o legado do poeta. A visita comeza entrando no auditorio, no que antigamente era o lugar onde a familia tiña os animais.






A continuación subimos ao piso superior a ver a habitación onde naceu. Aínda conserva a mesma cama e está chea de recordos familiares: fotos da familia, roupa do seu tío, o cura. Nas paredes hai escritos poemas  seus. O que máis me chamou a atención nesta habitación foi unha foto de toda a familia: os pais con Manuel María e os seus tres irmáns cando eran uns nenos. Chamoume a atención por un comentario que fixo o guía: todos os irmáns levan de segundo nome María, por influencia do seu tío o cura.




Da habitación pasamos ao despacho do escritor, coa súa máquina de escribir, a máquina coa que escribía os seus poemas. Alí tamén había unha enorme biblioteca, libros de diferentes autores galegos, porque Manuel María adquiría todo o que se publicaba en galego. 








Alí, o noso guía falounos tamén da súa muller, Saleta porque na parede puidemos ler un dos moitos poemas que lle dedicou. Saleta e Manuel María coñecéronse en Lugo e durante os tres anos que foron noivos, el escribíalle dúas cartas diarias, unha pola mañá e outra pola tarde. Dende que se coñeceron foron inseparables  e ela ocupa un lugar moi importante na casa. Na habitación á que pasamos a continuación, unha sala con moitos cadros regalados a Manuel María por importantes pintores galegos, ocupa o lugar central un retrato de Saleta. E, nunha esquina, unha pequena mesa na que o poeta pasaba moitas horas lendo e escribindo.




Na seguinte habitación pódese ver toda a obra de Manuel María. Primeiras edicións de todos os seus libros e podemos ler nas paredes algúns os seus poemas. Moitos destes poemas son cantados por moitos grupos galegos.




No corredor hai exposta tamén unha colección de navallas que foron do escritos. Por toda a casa hai moitos obxectos que el fora gardando como recordos.





Na última habitación que visitamos no piso superior, puidemos coñecer outras facetas de  Manuel María;  gustáballe viaxar, había fotos das súas viaxes. Foi procurador en Monforte e concelleiro de augas e recollida de lixo. Foi moi activo nas campañas de defensa do idioma galego.



Finalmente , xa abaixo, remata a visita nunha enorme biblioteca, con máis libros reunidos polo escritor ao longo da súa vida.



Neste enlace pódese facer unha visita virtual pola casa.




Aquí remato a miña pequena homenaxe a este escritor. Espero que o ano que ven, o homenaxeado sexa o noso Ricardo Carballo Calero, levamos varios anos esperando a que se lle dedique o Día das Letras Galegas a este gran escritor ferrolán.


miércoles, 4 de mayo de 2016

Ás veces, o futuro non é tan malo

Hoxe é o meu aniversario. Teño xa...uns cantos anos. Non vos direi cantos, pero son máis dos que aparento porque xa desde moza me gustou presumir e coidarme, así que me conservo moi ben. Pero como vou cumprir un número tan redondo, vou parar a pensar un pouco e botar a vista atrás .Confeso que agora estou moi a gusto, vivo ben. Teño unha familia marabillosa e un traballo que me enriquece cada día. Pero non sempre foi así. Cando, con dezaoito anos, rematei o Bacharelato e decidín estudar Maxisterio, non tiven moitos apoios. Eu quería traballar con nenos de Primaria, iso tíñao moi claro, quería ensinar, transmitir os meus coñecementos aos nenos. Todos me dicían que era moi difícil conseguir unha praza, que as oposicións eran moi duras e que os mestres estaban moi mal vistos. Ninguén os respectaba, nin alumnos, nin pais, nin a sociedade en xeral. Pensaban que eran uns vagos, que unha vez que conseguían unha praza, só se dedicaban a vivir ben. ademais estaba o tema das vacacións: dúas semanas polo Nadal, unha semana en Semana Santa  e máis de dous meses no verán. Todo un "choio" que a xente vía con malos ollos.

A única persoa que me apoiaba era a miña nai. "Fai o que queiras, o que che guste a ti" me dicía ela. E así fixen. Estudie maxisterio, aprobei con moi boas notas. Preparei as miñas oposicións e, a primeira vez que me presentei aprobei con moi boa nota, aínda que non collín praza. Comecei pouco a pouco facendo substitucións por toda Galiza e así foi como me fun dando conta de que había moita xente nova coma min, con ganas de cambiar a ensinanza, con ideas novas que daban moi bos resultados. Os novos mestres comezamos a cambiar os nosos métodos, a relación cos nosos alumnos e cos pais. Así, o papel do profesor comezou a cambiar tamén e comezaba a valorarse o seu labor. O noso esforzo por facer as clases máis amenas, por involucrarnos no mundo dos nenos e das súas familias, ía levándonos a cambios na sociedade. As novas tecnoloxías axudáronnos moito estes anos poñendo nas nosas mans infinidade de recursos e acercándonos aos nenos. Os mestres somos agora unha parte esencial da sociedade. 




domingo, 17 de abril de 2016

Falaremos galego no 2050?



Estamos no ano 2050. Teño xa máis de 50 anos e,  na miña casa comezo a pensar nos meus anos mozos. Os meus pensamentos, como sempre, seguen sendo en galego, a miña lingua materna,   a   que me   ensinaron os meus pais e os meus avós. Sen embargo, cando falo no traballo, ou cos meus amigos, ou cando fago a compra...en calquera outro momento, non o uso. Teño un fillo xa adolescente ao que nunca lle falei en galego. Nin el, nin os seus amigos saben que existiu outra lingua en Galicia, nunca oíron a ninguén falalo, nin na escola lles explicaron que anteriormente aquí en Galiza tiñamos un idioma propio, unha cultura propia  que nos identificaba, e da que chegamos a estar moi orgullosos. Todo iso esqueceuse e ocultouse cando O Goberno decidiu suprimir todos os idiomas diferentes ao castelán. Galicia deixou de ser unha Comunidade bilingüe e o galego deixou de ser un idioma oficial. Chegou a estar prohibido, ninguén podía publicar en galego, desapareceron os libros, os periódicos, os programas de televisión ou de radio. Suprimiuse a asignatura de galego nas escolas e, aínda que nun principio a xente o seguía a falar, co paso do tempo comezou a desaparecer.

 Estudaba na universidade  e, xa desde había tempo, o uso do galego comezara a diminuir entre nós. So as persoas de maior idade o falaban. Comezaba a ser difícil atopar libros en galego porque as editoriais non querían publicalos, xa que deixaban de recibir subvencións. O mesmo pasaba cos programas de televisión e os periódicos.  Dende o goberno intentábase dar prioridade ao castelán. Así, pouco a pouco, sen apenas darnos conta, o galego foi desaparecendo.

Comecei a sentirme mal, mareada,con náuseas e.....de repente.....despertei!

 Afortunadamente  todo fora un soño e, a situación do galego aínda non era tan dramática.

Desde ese día fixen a promesa de promover o uso do galego para que o meu soño, mellor dito, pesadelo, nunca chegue a facerse realidade.