domingo, 21 de febrero de 2016

Xosé Chao Rego, revulsivo galego da igrexa

O teólogo e escritor Xosé Chao Rego naceu en Vilalba (Lugo) no ano  1932 e morreu o ano pasado en Santiago. Irmán do periodista e escritor Ramón Chao e tío do famoso cantante Manu Chao, estudou filosofía en Salamanca  e Madrid, e Teoloxía en Roma. Foi párroco durante 17 anos na parroquia de Santa Mariña do Vilar, en Ferrol e chegou a estar preso por alinearse co proletariado. Tras secularizarse foi profesor de instituto en Vilalba e Santiago. Convertiuse nun símbolo para a nova Igrexa de base galega e os colectivos que buscan a renovación do Catolicismo desde os cimentos das comunidades cristiáns.




Pepe Chao
Xosé Chao durante a súa etapa como cura en Santa Mariña


 Publicou decenas de ensaios e de obras relacionadas con asuntos culturais e sociais, e desde o ano 2002 era socio de honor da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O seu irmán dedicoulle estas palabras hai uns anos:

O Pepe e máis eu non somos xemelgos biolóxicos, pero afectivamente si. Lémbrome de que cando eu tiña seis ou sete anos, e el tres máis, durmiamos xuntos abrazadiños como se estivéramos no mesmo ventre materno. Este estado idílico rompeuse cando o noso pai –moi ateo e repubricano- metéuno no seminario de Mondoñedo para que fixera os cursos suficientes e convalidalos polo bacharelato, para despois sacalo de alí. Pero no intre ao Pepe entroulle a fe, e negouse a sair, ficando eu só no leito. El volvia a Vilalba cada nove meses, pero xa en plan místico. Andaba coa banda de seminaristas do pobo, entre elles Xenaro Currás, Xosé Luis Parga, Rouco Varela e Bernardo García Cendán, todos capitaneados polo párroco Gabriel Pita da Veiga e máis tarde polo nefasto Adolfo Pato.
Aos once anos funme a Madrid, cunha beca do Concello de Vilalba, e regresaba polos veráns, cada vez máis antifranquista, ainda que “roxo, roxo”, non me fixen até marchar a Paris. Aí cortáronse as relacións co Pepe, de máis en máis católico-nacionalista. Estivemos anos sen vernos, até que foi ordenado en Roma polo papa Pio XII, quen fixo a miragre de que me saltaran as bágoas cando daquela deume a segunda e derradeira comunión da miña vida.
Tamén o Pepe foi a Paris, vivindo na parroquia do gran filósofo do Renacemento, François Rabelais. O coadxutor da parroquia era o crego Aubry, altermondialista partidario da Teoloxía de Liberación e logo do subcomandante Marcos. Con estas influenzas, o meu irmán estaba máis que preparado para asumir o mando da parroquia de Santa Mariña, preto do Ferrol e centro das Comisións Obreiras da zona. Foi procesado, tratado de crego roxo e destituido. Xa tiñamos novos temas de conversa e voltamos a ser os mesmos irmáns de médio século antes. E agora non pasan dous o tres días sen que o chame desde onde estea. Por iso hoxe quero, desde a distancia, darlle unha forte aperta.
Ramón Chao  en A voz de Vilalba




Neste video pódese ver o cariño que lle tiñan na parroquia na que exerceu como párroco.



No hay comentarios:

Publicar un comentario