domingo, 8 de mayo de 2016

Maio, mes das Letras Galegas



Xa que estamos no mes de maio, mes das letras en Galiza, paréceme axeitado dedicarlle unha entrada a Manuel María, o escritor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

A miña entrada non vai ser unha biografía do escritor, hai infinidade de páxinas onde se pode consultar. Tampouco  irei enumerando as súas obras, sería imposible, porque son moitas.
Simplemente falarei da miña experiencia porque a pasada fin de semana visitei a Casa museo de Manuel María en Outeiro de Rei. Eu apenas coñecía a este escritor, non sabía moito da súa obra. Pero con Fran Rei, o rapaz que nos foi guiando pola casa aprendín moito.

A casa Museo de Manuel María, a Casa de Hortas, é unha casa típica da zona, que foi restaurada para acoller todo o legado do poeta. A visita comeza entrando no auditorio, no que antigamente era o lugar onde a familia tiña os animais.






A continuación subimos ao piso superior a ver a habitación onde naceu. Aínda conserva a mesma cama e está chea de recordos familiares: fotos da familia, roupa do seu tío, o cura. Nas paredes hai escritos poemas  seus. O que máis me chamou a atención nesta habitación foi unha foto de toda a familia: os pais con Manuel María e os seus tres irmáns cando eran uns nenos. Chamoume a atención por un comentario que fixo o guía: todos os irmáns levan de segundo nome María, por influencia do seu tío o cura.




Da habitación pasamos ao despacho do escritor, coa súa máquina de escribir, a máquina coa que escribía os seus poemas. Alí tamén había unha enorme biblioteca, libros de diferentes autores galegos, porque Manuel María adquiría todo o que se publicaba en galego. 








Alí, o noso guía falounos tamén da súa muller, Saleta porque na parede puidemos ler un dos moitos poemas que lle dedicou. Saleta e Manuel María coñecéronse en Lugo e durante os tres anos que foron noivos, el escribíalle dúas cartas diarias, unha pola mañá e outra pola tarde. Dende que se coñeceron foron inseparables  e ela ocupa un lugar moi importante na casa. Na habitación á que pasamos a continuación, unha sala con moitos cadros regalados a Manuel María por importantes pintores galegos, ocupa o lugar central un retrato de Saleta. E, nunha esquina, unha pequena mesa na que o poeta pasaba moitas horas lendo e escribindo.




Na seguinte habitación pódese ver toda a obra de Manuel María. Primeiras edicións de todos os seus libros e podemos ler nas paredes algúns os seus poemas. Moitos destes poemas son cantados por moitos grupos galegos.




No corredor hai exposta tamén unha colección de navallas que foron do escritos. Por toda a casa hai moitos obxectos que el fora gardando como recordos.





Na última habitación que visitamos no piso superior, puidemos coñecer outras facetas de  Manuel María;  gustáballe viaxar, había fotos das súas viaxes. Foi procurador en Monforte e concelleiro de augas e recollida de lixo. Foi moi activo nas campañas de defensa do idioma galego.



Finalmente , xa abaixo, remata a visita nunha enorme biblioteca, con máis libros reunidos polo escritor ao longo da súa vida.



Neste enlace pódese facer unha visita virtual pola casa.




Aquí remato a miña pequena homenaxe a este escritor. Espero que o ano que ven, o homenaxeado sexa o noso Ricardo Carballo Calero, levamos varios anos esperando a que se lle dedique o Día das Letras Galegas a este gran escritor ferrolán.


No hay comentarios:

Publicar un comentario